Nado en Vilar, é coñecido como 'Xan de Vilar'. Tras máis de setenta anos nunha pequena aldea do Courel, Xan viviu moitos momentos de soidade absoluta. É o único habitante que permanece todo o ano na aldea, un home polifacético que mantén viva a localidade de Vilar. Tan só seis meses na Coruña facendo un curso de artillería separárono da súa aldea natal.
Carpinteiro, ferreiro, poeta e autodidacta na música: toca varios instrumentos e o corno celta. Mantense ocupado coidando a aldea, aprovisionándose de leña, facendo rosetas para as portas polo San Xoán, atendendo os visitantes e conservando a ermida de San Roque, que como el di “está alí xunto ao castro e mantense remota coma sempre”, aínda que estivo ameazada polo lume e o abandono.
Xan ten o seu propio museo etnográfico, idea que xurdiu para mostrar todas as ferramentas que gardaba no garaxe: unha selección de aparellos e utensilios que desaparecen do día a día.
A aldea de Vilar sitúase no marco incomparable do Courel, sobre o río Lor, defendida polo seu castro celta. Pertence ao Concello de Folgoso do Courel, con 1160 habitantes, na fronteira oriental de Galicia. É un dos lugares máis illados fisicamente da xeografía galega.
Esta contorna natural, como tantos recunchos da Galicia do século XXI, atópase ameazado polo despoboamento e a explotación industrial dos recursos.
Polifacético, Xan adicouse a un pouco de todo na súa vida. Entre xente maior, vai quedando só nunha aldea no medio do Courel. Aferrado á súa casa e á súa terra, dedica todos os seus esforzos a conseguir vivir en Vilar. O único habitante da aldea durante todo o ano coida de todas as infraestruturas e mantén a aldea limpa e bonita. Longas tempadas de soidade fan de Xan un home falador con historias que lembran a memoria dunha aldea case abandonada.