Cristina é a actual fareira do Faro de Camariñas. Dende o ano 74 vive na casa habilitada aos fareiros ao pé da torre camariñá. Cristina iniciouse no traballo de fareira por amor, ata entón o faro era para ela un lugar emblemático. Sendo nova, Cristina coñece o fillo do fareiro e namora del. No ano 73, prepara as oposicións apoiada pola súa parella e o seu sogro e ese mesmo ano sae con outras dúas mulleres como técnica de sinais marítimas. Convértese así nunha das primeiras fareiras de España.
Cristina segue exercendo o oficio de fareira adaptándose sempre ás novidades que os automatismos lle proporcionaron. O seu carácter activo fai da fareira unha muller impulsora de varias iniciativas de conservación do patrimonio da súa terra. Deste xeito, ela xunto ao seu marido iniciaron a famosa Mostra do Encaixe de Camariñas como un acto para fomentar as vendas do encaixe e axudar á economía da pequena localidade mariñeira. Outra das iniciativas de Cristina é a asociación que preside, O Eón dos faros, de conservación e promoción dos faros a través da recuperación de pezas antigas, documentos, etc.
Camariñas é un pequeno pobo mariñeiro situado na comarca de Terra de Soneira, corazón da Costa da Morte, no oeste de Galicia. Alberga uns 5500 habitantes e é escenario de actividades relacionadas co mar. Zona cero de centos de naufraxios, esta localidade ten como principais actividades económicas o turismo, a pesca e o encaixe.
Camariñas é un punto de referencia polo seu faro, o primeiro eléctrico de España nunha contorna que miles de persoas visitan facendo sendeirismo. Este municipio tamén é referencia social pola Mostra do Encaixe que se celebra todos os anos en Semana Santa.
A profesión de fareiro implica unha vida marcada pola luz. Toda a experiencia persoal formada nun faro, co bo e co malo. Enfrontándose a xornadas de temporal que impiden saír do fogar, pero Cristina vive cada posta de sol dun xeito diferente. Illada no seu faro e cunha vida normal.